O Quilombo atopa-se entre as 27 organizaçons que convocam, por sexto ano consecutivo, a manifestaçom unitária da mocidade independentista galega.
Mais umha vez, as jovens arredistas sairemos às ruas de Compostela o 24 de julho —véspera do Dia da Pátria— para reivindicar a necessidade da República galega. O protesto, convocado sob a legenda “A mocidade independentista a construir a República. Rachar a precariedade, rematar com a emigraçom”, sairá às 20:00 da Alameda.
Manifesto da convocatória
Máis un ano, a mocidade galega volvemos saír á rúa o 24 de xullo para esixir aquilo que
é noso, o dereito a unha vida digna na súa terra. Un dereito que vemos negado día tras
día por un Estado español cada vez máis autoritario, que trata este recuncho que é o
noso país coma unha colonia: encoros para producir electricidade que non pagan e
praias para un turismo que xentrifica as nosas vilas e cidades. Un Estado español que
conta coa absoluta complicidade dun goberno galego que, lonxe de defender os
intereses galegos, aplica políticas que nos condenan, os mozos e mozas, á emigración e
á precariedade.
Dende o comezo da crise, 234.740 persoas marcharon do país, das cales case 115.000
foron mozas. A emigración bate na mocidade moito máis forte que en calquera outro
colectivo, e vémonos obrigadas a marchar do país, como xa fixeran os nosos avós e
avoas, as nosas nais e os nosos pais, na busca dun futuro que aquí se presenta
imposíbel.
A outra cara da moeda son a precariedade e o desemprego. As mozas galegas pasamos
de ser máis dun 35% da poboación activa a representar apenas o 24%. Máis do 95% dos
empregos creados en Galiza no 2016 foron temporais, e todas coñecemos a realidade
das ETT, empresas voitre que xogan coa nosa necesidade e ofrecen soldos inferiores ó
SMI. Isto fixo que a fenda salarial entre a mocidade e o resto da poboación aumentou
durante estes anos, chegando a acadar case un 40%.
As mulleres xoves galegas temos que sumar a esta situación a violencia que enfrontamos
a todos os niveis, en todos os espazos, todos os días das nosas vidas. As cifras son aínda
máis alarmantes se analizamos o desemprego feminino, as migracións ou as condicións
laborais. Mais non é só unha cuestión económica, tamén sufrimos o patriarcado nas
nosas carnes e con el os ataques físicos, psicolóxicos e estruturais. Temos que loitar
xuntas para frear a perda de dereitos que se conseguiron con desobediencia e afouteza
no pasado. Da inseguridade dos campus e rúas, locais, asembleas e mesmo o noso fogar
só poderemos saír construíndo unha sociedade verdadeiramente feminista, e isto non
pode darse nun sistema que creou e que se alimenta das desigualdades entre mulleres
e homes. As mozas galegas, xunto con outras moitas mulleres desde outras latitudes,
traballamos día a día para poder existir e vivir dignamente en todos os recunchos do
mundo.
Quen son os responsábeis desta situación? En primeiro lugar, o goberno español, coa
aplicación das medidas neoliberais, como as reformas laborais, que nos negan os nosos
dereitos e nos condena a unhas condicións lamentábeis ou a marcharmos do país.
Tamén un goberno galego colaboracionista, cun Núñez Feijóo máis preocupado en
acadar postos de poder en Madrid que en defender a nosa terra. Mais Feijóo e Rajoy
son só pezas, axentes dun sistema baseado no capitalismo que nos afoga coma clase, o
patriarcado que nos oprime coma xénero, e dun Estado que nos quere esmagar coma
pobo; un sistema sen reforma posíbel. En resumo, os mesmos que negan a nosa lingua,
sentenciándoa a desaparecer; os mesmos responsábeis de que ardan os nosos montes,
permitindo a extensión do eucalipto e recortando na prevención; os mesmos que
permiten o despoboamento no rural, negando o futuro as mozas que alí vivimos; os
mesmos que recortan en sanidade e educación, cunhas aulas ateigadas e hospitais sen
recursos como o Álvaro Cunqueiro; os mesmos que tamén son culpábeis da
precariedade das nosas avoas, que teñen a segundas pensións máis baixas do Estado;
os mesmos que colaboran co machismo, pechando servizos para as mulleres ou
colaborando cos medios que nos criminalizan e violentan.
As mozas somos o motor dun futuro que o capitalismo e o patriarcado nos nega. O difícil
que temos acceder aos nosos estudos e a incerteza que se presenta cando logramos
acabalos destrúe o desenvolvemento normal da nosa xeración. Debemos loitar para non
ter que aceptar resignadamente o que nos vén dado, debemos mudar o rumbo que
trazaron para nós os que viven do traballo das obreiras. Para rematar con esta realidade, as mozas galegas sabemos que non chega cunha reforma dun réxime podre e herdeiro do fascismo. Precisamos unha ruptura con este Estado cárcere de pobos, que encadea e dispersa ás que loitan pola liberdade, que silencia as que pensamos diferente e persegue ás que nos organizamos nos barrios e nos centros sociais. Para sermos ceibes, coma clase e coma pobo: República Galega!
Organizaçons convocantes
- A Galleira (Ourense).
- Arrulique (Vigo).
- Briga.
- Brigadas Lucenses (Lugo).
- Ceivar.
- Celtarras (Vigo).
- Centro Social A Gentalha do Pichel (Compostela).
- Centro Social Faísca (Vigo).
- Centro Social Fuscalho (Guarda).
- Centro Social Gomes Gaioso (Corunha).
- Centro Social Mádia Leva! (Lugo).
- Centro Social Revolta (Vigo).
- Centro Social Xebra! (Burela).
- Colectivo Nós (Vigo).
- Colectivo Terra (Ponte d’Eume).
- Erguer-Estudantes da Galiza.
- Fenda-Embaixada Popular Galega (Madrid).
- Fende Testas (Compostela).
- Fundaçom Artábria (Ferrol).
- Galizalivre.
- Isca!
- Liga Gallaecia.
- Mocidade Granate (Ponte Vedra).
- O Quilombo (Ponte Vedra).
- Ouligans (Ourense).
- Sección Lo Lo Lo (Lugo).
- Tropas de Breogán (Vigo).