O Quilombo atopa-se entre as organizaçons convocantes da manifestaçom unitária da mocidade indepedentista galega

O Quilombo atopa-se entre as 27 organizaçons que convocam, por sexto ano consecutivo, a manifestaçom unitária da mocidade independentista galega.

Mais umha vez, as jovens arredistas sairemos às ruas de Compostela o 24 de julho —véspera do Dia da Pátria— para reivindicar a necessidade da República galega. O protesto, convocado sob a legenda “A mocidade independentista a construir a República. Rachar a precariedade, rematar com a emigraçom”, sairá às 20:00 da Alameda.

Manifesto da convocatória

Máis un ano, a mocidade galega volvemos saír á rúa o 24 de xullo para esixir aquilo que
é noso, o dereito a unha vida digna na súa terra. Un dereito que vemos negado día tras
día por un Estado español cada vez máis autoritario, que trata este recuncho que é o
noso país coma unha colonia: encoros para producir electricidade que non pagan e
praias para un turismo que xentrifica as nosas vilas e cidades. Un Estado español que
conta coa absoluta complicidade dun goberno galego que, lonxe de defender os
intereses galegos, aplica políticas que nos condenan, os mozos e mozas, á emigración e
á precariedade.

Dende o comezo da crise, 234.740 persoas marcharon do país, das cales case 115.000
foron mozas. A emigración bate na mocidade moito máis forte que en calquera outro
colectivo, e vémonos obrigadas a marchar do país, como xa fixeran os nosos avós e
avoas, as nosas nais e os nosos pais, na busca dun futuro que aquí se presenta
imposíbel.

A outra cara da moeda son a precariedade e o desemprego. As mozas galegas pasamos
de ser máis dun 35% da poboación activa a representar apenas o 24%. Máis do 95% dos
empregos creados en Galiza no 2016 foron temporais, e todas coñecemos a realidade
das ETT, empresas voitre que xogan coa nosa necesidade e ofrecen soldos inferiores ó
SMI. Isto fixo que a fenda salarial entre a mocidade e o resto da poboación aumentou
durante estes anos, chegando a acadar case un 40%.

As mulleres xoves galegas temos que sumar a esta situación a violencia que enfrontamos
a todos os niveis, en todos os espazos, todos os días das nosas vidas. As cifras son aínda
máis alarmantes se analizamos o desemprego feminino, as migracións ou as condicións
laborais. Mais non é só unha cuestión económica, tamén sufrimos o patriarcado nas
nosas carnes e con el os ataques físicos, psicolóxicos e estruturais. Temos que loitar
xuntas para frear a perda de dereitos que se conseguiron con desobediencia e afouteza
no pasado. Da inseguridade dos campus e rúas, locais, asembleas e mesmo o noso fogar
só poderemos saír construíndo unha sociedade verdadeiramente feminista, e isto non
pode darse nun sistema que creou e que se alimenta das desigualdades entre mulleres
e homes. As mozas galegas, xunto con outras moitas mulleres desde outras latitudes,
traballamos día a día para poder existir e vivir dignamente en todos os recunchos do
mundo.

Quen son os responsábeis desta situación? En primeiro lugar, o goberno español, coa
aplicación das medidas neoliberais, como as reformas laborais, que nos negan os nosos
dereitos e nos condena a unhas condicións lamentábeis ou a marcharmos do país.
Tamén un goberno galego colaboracionista, cun Núñez Feijóo máis preocupado en
acadar postos de poder en Madrid que en defender a nosa terra. Mais Feijóo e Rajoy
son só pezas, axentes dun sistema baseado no capitalismo que nos afoga coma clase, o
patriarcado que nos oprime coma xénero, e dun Estado que nos quere esmagar coma
pobo; un sistema sen reforma posíbel. En resumo, os mesmos que negan a nosa lingua,
sentenciándoa a desaparecer; os mesmos responsábeis de que ardan os nosos montes,
permitindo a extensión do eucalipto e recortando na prevención; os mesmos que
permiten o despoboamento no rural, negando o futuro as mozas que alí vivimos; os
mesmos que recortan en sanidade e educación, cunhas aulas ateigadas e hospitais sen
recursos como o Álvaro Cunqueiro; os mesmos que tamén son culpábeis da
precariedade das nosas avoas, que teñen a segundas pensións máis baixas do Estado;
os mesmos que colaboran co machismo, pechando servizos para as mulleres ou
colaborando cos medios que nos criminalizan e violentan.

As mozas somos o motor dun futuro que o capitalismo e o patriarcado nos nega. O difícil
que temos acceder aos nosos estudos e a incerteza que se presenta cando logramos
acabalos destrúe o desenvolvemento normal da nosa xeración. Debemos loitar para non
ter que aceptar resignadamente o que nos vén dado, debemos mudar o rumbo que
trazaron para nós os que viven do traballo das obreiras. Para rematar con esta realidade, as mozas galegas sabemos que non chega cunha reforma dun réxime podre e herdeiro do fascismo. Precisamos unha ruptura con este Estado cárcere de pobos, que encadea e dispersa ás que loitan pola liberdade, que silencia as que pensamos diferente e persegue ás que nos organizamos nos barrios e nos centros sociais. Para sermos ceibes, coma clase e coma pobo: República Galega!

Organizaçons convocantes

  1. A Galleira (Ourense).
  2. Arrulique (Vigo).
  3. Briga.
  4. Brigadas Lucenses (Lugo).
  5. Ceivar.
  6. Celtarras (Vigo).
  7. Centro Social A Gentalha do Pichel (Compostela).
  8. Centro Social Faísca (Vigo).
  9. Centro Social Fuscalho (Guarda).
  10. Centro Social Gomes Gaioso (Corunha).
  11. Centro Social Mádia Leva! (Lugo).
  12. Centro Social Revolta (Vigo).
  13. Centro Social Xebra! (Burela).
  14. Colectivo Nós (Vigo).
  15. Colectivo Terra (Ponte d’Eume).
  16. Erguer-Estudantes da Galiza.
  17. Fenda-Embaixada Popular Galega (Madrid).
  18. Fende Testas (Compostela).
  19. Fundaçom Artábria (Ferrol).
  20. Galizalivre.
  21. Isca!
  22. Liga Gallaecia.
  23. Mocidade Granate (Ponte Vedra).
  24. O Quilombo (Ponte Vedra).
  25. Ouligans (Ourense).
  26. Sección Lo Lo Lo (Lugo).
  27. Tropas de Breogán (Vigo).
This entry was posted in Geral. Bookmark the permalink.